Ataque Escampe – Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (2007)

ed_wood

PRODUTO ACTUALMENTE NON DISPONÍBEL

Todos os temas compostos por Ataque Escampe, agás “Mira” (sobre un poema de Chus Pato).

Editado o 27 de febreiro de 2007

Cara A: Gravado en Brántega (Agolada) nas tardes do 7 e 8 de decembro de 2006.

Técnico de son: Benxamín Otero

Mesturas: Benxamín Otero

Produción: Ataque Escampe

Serie B: Gravado ao vivo no café Uf (Vigo) na noite do 2 de xuño de 2006, en mini-disc. Retocado por Benxamín Otero

Deseño de capa: Xosé Carlos Hidalgo

Ataque Escampe son:

Alex Charlón: voz
Miguel Mosqueira: guitarra, voz e coros
Samuel Solleiro: violín e guitarra
Roi Vidal: percusións

Coa colaboración de Iago Mouriño (piano e hammond).

“Os organizadores do festival no que debutaron decidiron na metade da historia que ían quedar fóra porque se facía tarde para tanto grupo. Cando os últimos remataron a xente que restaba comezou a corear algo que os mesmos organizadores tardaron un tanto en comprender: “Todos somos Ataque Escampe”. Saíron.

E eu estaba alí para velo. Ao meu carón un rapaz cunha camiseta dos Sex Pistols e pinta de inglés erasmus en proceso etílico abaneábase e sorría desconcertado no medio dos acordes de “Afganistán canto”. O tema da canción non o sorprendía, despois de todo eran tempos de guerra, sorprendíao o estraño estilo dos rapaces que sairan a tocar. Naquel momento debín achegarme e botar man do meu inglés básico para explicarlle o que estaba a ver: houbo moitos que tocaron as paredes do límite da cidade, este grupo toca cun pé dentro e outro fóra, toca, por dicilo así, na fronteira. A parte que entendes é o que te fai sorrir, a que non entendes é o que te fai abanear.

Hai moitos tipos de fronteiras, non só as políticas, e o grupo transitou por moitas delas. De México a California, do rock ao tango, dos poetas dos 50 ao dadaísmo, ou do sublime á serie B nun só paso, porque o interesante deses espazos é o feito de camiñar entre eles incansabelmente, trazar rutas para futuros viaxeiros, e poder dicir ás persoas que habitan nas beiras que forman un todo cos do outro lado. O custo pode ser desigual, para cruzar á ida pode chegar con sobornar a un axente de fronteiras, na volta pódese chegar tiroteado e coas costas molladas. É o prezo do contrabando de ideas.

No caso concreto da Galiza, por exemplo, as fronteiras mal definidas entre o rural e o urbano crean longas zonas de transición cunha idiosincrasia propia. As vilas grandes e os bairros dalgunhas cidades son universos próximos rexidos polas mesmas regras. Ataque Escampe son como os cabalos atados nos descampados das aforas. (Soñemos libres como bestas). Veñen do lugar onde se beben viños sen nome nen cor definida, onde se discute de poesía e cinema diante dunha tapa de callos, de espazos onde chove sempre, ininterrompidamente, e algúns, sabendo que é mexo, botan man do paraugas e berran con toda a forza para avisar os demais.”

Mario Regueira. Febreiro de 2007