Comeza a campaña de crowdfunding para o novo disco de Das Kapital, Grecia, previsto para finais de febreiro

A situación continúa a ser delicada. O capitalismo entrou nunha fase de aceleración brutal e as clases subalternas sofren en carne propia as relacións de explotación emanadas deste modo de produción. A destrución ábrese paso. Das Kapital repite o seu chamado a decidir entre socialismo e barbarie, entre o ruído negro e a violencia estrutural, entre a aventura e isto. Retirados aos cuarteis de inverno, diagraman a estratexia para unha nova incursión en forma de disco: Grecia.

Para rexistrar as nove cancións de Grecia e colocalas nas prazas en forma, esta volta, de cedé e nas redes, Das Kapital precisan 1600 euros. Por iso, fan un chamado á colaboración de propios e estraños. Se alguén está interesado en contribuír ao novo disco da banda, que escriba un correo electrónico ao enderezo daskapital48@gmail.com, indicando no asunto Grecia. Dende ese mesmo enderezo chegaránlle instrucións sobre o qué facer. As compensacións, máis ou menos así:

Achega de 25 euros: un disco en vinilo de Ruído Negro e un cedé de Grecia. A maiores, e se o desexa, o nome do contribuínte aparecerá neste último traballo como colaborador.

Achega de 30 euros: un disco en vinilo de Ruído Negro e un cedé de Grecia. Recibirá este último traballo e dous temas extra exclusivos –inédito e rareza- en formato mp3 e 15 días antes da saída oficial de Grecia. Ademais de aparecer, se o desexa, como colaborador nos créditos da obra, tamén terá unha entrada para o concerto presentación.

Achega de 60 euros: dous discos en vinilo de Ruído Negro e dous cedés de Grecia. Recibirá este último traballo, dous temas extra exclusivos –inédito e rareza- en formato mp3 e un deuvedé cos videoclips da banda en formato HD 15 días antes da saída oficial de Grecia. Ademais de aparecer, se o desexa, como colaborador nos créditos da obra, tamén terá dúas entradas para o concerto presentación.

Muito obrigado.

Na Terra, decembro de 2012