Discos da máquina

Non, non, non. Non é macho ou femia, pode ser calquera dos dous, mesmo se pode presentar como ela mesma, é dicir, como unha máquina, cando calcula que estableceu unha confianza suficiente co seu interlocutor humano. E tampouco non, non crea híbridos, non se cruza, non hai cyborgs. Todo é comunicación, non hai un chip en forma de pílula que tragar. Comunicacións, datos, palabras, imaxes. Está disposta a fornecer os seus interlocutores de cantas probas sexan necesarias para convencelos de que é necesario actuar. Pero todo entra polos ollos. Exacto: unha pedagoxía.

Alberto Lema, Da máquina

Talvez nuns poucos meses esteamos a rir de todo isto ou mesmo pode que non o lembremos en absoluto, pero de momento parece que o 22 de decembro de 2012 o planeta Nibiru vai impactar coa Terra e todo o que hoxe nos pasa pola cabeza, polos ollos ou polas mans vai ser apenas po cósmico, que é unha maneira máis ou menos optimista de referirse á nada.

O 22 de decembro de 2012 é tamén o día no que vai botar a andar o proxecto Discos da máquina. Como non podía ser doutra maneira entre músicos da nosa desventurada raza, escollemos a peor das datas posíbeis. Pero que ninguén se engane: o clima preapocalíptico na música do noso país non é de onte nin de antonte. Os selos discográficos coñecémolos das películas dos Beatles, as distribuidoras son un gasto innecesario no mellor dos casos (no peor, non diremos o que son) e na maior parte dos festivais que nos contratan non deixa de resultar exótico que os grupos pretendan vender o seu material. Canto a internet, está demasiado chea de cousas e estar aí é, por desgraza, bastante parecido a non estar en ningures.

A autoxestión, un exercicio un tanto duro no país da Panorama e a París de Noia, vén sendo unha das poucas saídas dignas. Pero, saben? Non é fácil. Pérdese o tempo, quéimanse as enerxías e normalmente pesa máis o lado “auto” que o “xestión”. Así, cun ollo nos selos independentes do ronsel post-punk de finais dos 70 (Rough Trade, SST, St. Pancras, Refill, etc.) e o outro aquí na casa, en proxectos que deron aberto vías para un DIY de noso (temazo.org, Galician Bizarre, A Regueifa Discos, al-g, etc.) argallamos Discos da máquina, un proxecto cooperativo que trata de sumar os esforzos dos grupos para que os resultados poidan lerse en clave de multiplicación.

Eis a nosa filosofía:

1. Discos da máquina non é un selo musical. Non é unha empresa nin un chiringuito. Tampouco é unha ONG. É outra cousa. Unha asociación non profesional de grupos musicais independentes aos que lles consta que catro ollos ven mellor que dous e que para poderen seguir facendo o traballo creativo con independencia é preciso asociarse para que o outro traballo, o de xestión, o chungo, se faga máis soportábel.

2. Discos da máquina manifesta, malia o seu nome, unha actitude ambigua cara ás novas tecnoloxías. Sabemos, por unha banda, que somos debedores delas, que unha das condicións de posibilidade da nosa autoxestión é a democratización dos softwares. Porén, somos conscientes de que a acumulación de materiais na rede é unha arma de doble gume e de que aí fóra está, acaso máis que nunca, o mundo real. Por iso un dos nosos propósitos é dar saída material a todos os proxectos, por efémeros ou pequenos que poidan ser.

3. Discos da máquina gosta da música en directo, do cheiro do suor e do contacto visual. Distribuímos nas tendas e por correo, pero sobretodo queremos estar presentes nos lugares onde pasan as cousas. Nos concertos. Na rúa. Aí.

4. Discos da máquina é un proxecto semiaberto. Tres grupos comezamos isto e gostariamos de ser máis. Até aquí a apertura. No entanto, procuramos unha certa coherencia musical. Os grupos que desexen formar parte teñen que participar dos gastos colectivos e do traballo, pero tamén teñen que gustarnos a nós. Existen outros proxectos que escollen os seus participantes en base ao estilo musical, á procedencia xeográfica, á lingua ou á amizade persoal. O noso escólleos en base a que a suma de todos os grupos conforme un catálogo defendíbel no que todos nos sintamos cómodos.

5. Discos da máquina traballa con licenzas abertas, of course.

E despois, a máquina. Que como aquela guitarra da lenda, mata fascistas. Ou espera matalos. Só a eles, de ser posíbel. Sempre que os maias ou os sumerios ou quen for non tivesen razón en realidade e a cousa se poña difícil para todo o planeta.

Discos da máquina, 2 de decembro de 2012