FAQ

Quen coordina o proxecto Discos da máquina?

O proxecto funciona mediante grupos de traballo e cada un destes grupos de traballo ocúpaos un ou máis membros dos grupos participantes. Non hai ningunha persoa por riba destes membros e non hai ningunha persoa liberada ou que gañe diñeiro polo seu traballo.

Quen toma as decisións en Discos da máquina?

Todas as decisións tómanse de forma asemblearia entre os membros dos grupos que participan no proxecto, quer en persoa, quer por correo electrónico.

Que tipo de entidade é Discos da máquina a efectos legais?

Discos da máquina non é unha entidade, polo menos de momento. En realidade é apenas un nome para xustificar a colaboración entre algúns grupos, como se explica no noso texto fundacional. Cada grupo xestiona como pode os seus propios asuntos legais.

Como funciona economicamente Discos da máquina?

Discos da máquina non ten actividades económicas de importancia: cada grupo é completamente independente no aspecto económico. Todos os gastos derivados da gravación dos discos corren integramente a cargo do grupo que o grava, e o mesmo grupo recibe integramente todos os beneficios. Por iso insistimos en que non somos un selo senón un colectivo de músicos autoxestionados. Obviamente, hai gastos comúns (cartaces, hosting, gasolina, etc.). Para eses gastos temos unha cota de ingreso de 150 euros para todos os grupos. Esta cota renovarase cando sexa necesario (pero non cunha periodicidade concreta). Ademais, estudamos novas formas de financiamento a medio prazo.

Teño un grupo. Como podo participar en Discos da máquina?

De momento o proxecto aínda acaba de botar a andar e estamos un pouco a outras cousas, sen unha gran présa por ampliar a nómina de grupos a curto prazo. Dito isto, estamos abertos a propostas a medio prazo, que podedes facernos no noso mail. Os grupos que xa formamos parte do proxecto decidiremos periodicamente de forma asemblearia que proxectos nos parece que encaixan mellor cos nosos intereses. A diferenza doutros proxectos, máis orientados a internet, que inclúen a maior parte das propostas recibidas, Discos da máquina, para ser operativo, non pode crecer demasiado. Por iso serán necesariamente poucos os proxectos que aceptaremos.

Discos da máquina non aceptou o meu proxecto. Significa que me odian?

Non, non. É simple mala sorte (ver punto anterior).

A que tipo de grupos pode interesarlles Discos da máquina?

A grupos que teñan ou estean interesados en ter unha traxectoria discográfica regular e en soportes físicos. A grupos que teñan un mínimo interese polos grupos que xa están integrados no proxecto (porque pretendemos chegar a un consenso en materia de liñas musicais, e se xa non se cumpre isto, mal andamos). A grupos que se sintan cómodos de entrada co traballo asociativo e en mancomún.

O meu proxecto non é un grupo, son unha persoa soa. Debo sentirme excluída?

Obviamente, non. Dicimos grupos por simplificar.

Como podo comprar o material de Discos da máquina?

Na sección puntos de venda encontrarás os lugares fixos nos que podes comprar o noso material. Pensamos ter presenza en certos eventos e feiras, e tamén nos concertos dos grupos do noso catálogo. Se non tes ningún punto de venda perto, podes seguir as instrucións da nosa sección pedidos para comprar o noso material por correo.

Discos da máquina ten distribución na miña vila?

Se non aparece na sección puntos de venda, non. Distribuímos nós mesmos e temos que limitarnos ás cidades máis grandes, e só a uns poucos puntos por cidade. De todos os xeitos, se coñeces algún lugar no que cres que o noso catálogo podería ter saída, aceptamos (e agradecemos) propostas, que estudaremos coidadosamente. Madia leva que aceptamos de moi bo grao persoas voluntarias que se desloquen habitualmente para botarnos unha man coa distribución.

Discos da máquina ten unha sé física?

De momento non. No futuro, talvez.

Como podo contratar un grupo de Discos da máquina?

Na sección contactos encontrarás un enderezo específico para a contratación. Tamén podes contactar directamente co grupo que che interese, xa que en última instancia son os grupos quen xestionan a súa contratación.