Os monstros da máquina (e 6)

laika

Esperto. Non me podo mover. Non sei onde estou. Fai moita calor. Non  encontro a Mushka. Nin a Albina. Nin a Raspurin-tin-tin. Fai moita calor. Acórdome dos homes. Os homes son valentes cando non hai perigo. Son amigables cando queren algo. A carreira espacial. A  ver quen a ten máis grande. Fai moita calor. Pido axuda. Só eu a escoito. Fai moita calor. Estou cansa. Non teño forzas. Fai moita calor. Vexo a luz que vén cara a min. O Demiurgo Canino das Alturas. O Canis Lupus Omnisciente. Estou ardendo. O último estertor da conciencia. Atraveso as portas da Canceira Cósmica. Nunca morrerei. Son Laika. Sodes Laika. Vivirei en todos vós. Esta é a miña fin. Este é o voso principio. Este é o principio da súa fin. Que nos oian ladrar.

Laika, a escolla de The Lost Omelette-makers, é a última da nómina dos Monstros da Máquina vol. I, primeiro EP temático de Discos da Máquina, de saída inminente. Isto foi todo. E agora, atención.

Publicado O disco vermello de Ataque Escampe

CAPA 2

Apareceu o venres pasado O disco vermello, cuarto LP de Ataque Escampe no que a banda reinventa o seu son cara a un dream pop con gusto polos ritmos negros, do soul ao rap pasando polo dub ou o disco. De momento pódese escoitar online en bandcamp ou descargar por 4 euros. Nas pŕoximas semanas chegará aos puntos de venda e, nun tempiño, hase poder descarregar gratis tamén.

Os monstros da máquina (5)

saint-just

No Partido da Montaña resisten os lobos. Acazapados. “Non é posíbel reinar de xeito inocente”, afirma un deles. O pasado ilumina o presente. Como un lóstrego. Apoloxía da guillotina. “Todos os membros da cidade son iguais e no intre en que deixan de selo a sociedade xa non existe”, explica Louis Antoine de Saint-Just, “porque a desigualdade é o mesmo que a forza e unha sociedade fundada na forza non é máis ca unha agregación de salvaxes”. O monstro somos nós.

Saint-Just foi un revolucionario francés do século XVIII, leal ate as últimas consecuencias a Maximilien Robespierre. É tamén o monstro escollido por Das Kapital para o EP temático Monstros da Máquina vol. I, que está a se masterizar estes días.

Os monstros da Máquina (4)

evita


Monstruoso, fóra de categorías morais, é o extremadamente grande. Eva Perón encerra, como pouca outra xente, esa grandeza. Se fósemos de alá (e todos somos un pouco de alá), sería, tantos anos despois de morrer, a mánager das nosas vidas, para ben ou para mal, e non saberiamos explicar moi ben por que. Está no aire e na herba e no petróleo, e tamén na pizza, no MDMA, no fútbol. Na euforia da xente que pode tanto ser conciencia de clase como un esquecemento momentáneo da clase en cuestión, que é, en todo caso, popular e leva a camisa desabrochada. Rock de estadios. Comuñón colectiva. A vida. O sol.

Sub Rosa e Ataque Escampe asinan a medias un tema sobre Eva Perón para o EP temático Monstros da Máquina vol. I, que xa está case gravado de todo e verá a luz en pouco máis dun mes.

Os monstros da Máquina (3)

botin
Na estepa da miséria por crise intelectual, um novo perfil contemporâneo de monstro precede umha poeira, um holograma da metáfora perfecta dessa nuvem na que depositárom os sonhos que nos vendérom, e que nós comprámos a uns novos donos em régime privado e em exclusividade: o banqueiro vaqueiro busca o seu Botín.

Emilio Botín é o monstro que escolheu Caxade para incluír no EP temático Monstros da Máquina vol. I, que está a se gravar nestes dias.

“005, licencia para mutar (autorretrato de mutación esdrúxula)”, videoclip e primeiro adianto do novo disco de The Lost Omelette-makers

Xa podedes ver o videoclip de “005, licencia para mutar (autorretrato de mutación esdrúxula)”, adianto do segundo traballo (primeiro con Discos da Máquina) de The Lost Omelette-makers, da autoría do propio Daniel Santos.

O disco A calor dun corpo estraño poderase escoitar o 21 de abril no bandcamp da banda, e aparecerá a versión física a finais de mes.