Ataque Escampe – Noites de agosto con Ataque Escampe (2012)

Ataque Escampe - Noites de agosto con Ataque Escampe (2012)

CD

PREZO: 8 €


Todos os temas compostos por Ataque Escampe

Editado o 24 de decembro de 2012

Noites de agosto con Ataque Escampe é unha produción de Ataque Escampe / O longo adeus para Discos da máquina. Foi gravado e mesturado por Tomás Ageitos nos estudios A Ponte (Ames) en agosto e setembro de 2012 e masterizado polo Dr. Chou en outubro de 2012.

Ataque Escampe son:

Xoán Lois G. Carlín – Baixo, piano, sintetizadores
Miguel Mosqueira – Guitarras, pandeireta
Samuel Solleiro – Guitarras, banxo, slide, saxo de bambú
Álex Charlón – Voz
Roi Vidal – Batería, voz, güiro

O grupo de coros estivo composto por: Paku Granxa, Mark Wiersma, Xoán Lois G. Carlín, Miguel Mosqueira e Roi Vidal.

Acompañáronnos: Álvaro Trillo (congas en “Noites de agosto”, “La vita nuova” e “Vista Alegre Social Club, vol. 2”; pailas en “Noites de agosto”), Tomás Ageitos (batería en “Noites de agosto”), Benxamín Otero (óboe en “La vita nuova” e “O amor en technicolor”) e Marcos Paino (bombo en “Vista Alegre Social Club, vol. 2”).

A fotografía foi tomada por David Silva coa colaboración de Alba Cacheda en Lariño (Carnota) en agosto de 2012.

O deseño gráfico é de David Silva.

Con este EP, os de Vista Alegre (Compostela) volven o seu ollar irónico cara ao universo da verbena, recuperando o espírito das orquestras populares e convertendo o torreiro da festa nun lugar desde o que contemplar esta pequena traxedia persoal e colectiva que acabou por envolvelo todo.

O grupo visita con fachenda crooner xéneros tan variados como a cumbia e o krautrock, o bolero e o calipso, para celebrar o recordo das últimas noites do verán como ese momento no que os soños ou se fan realidade ou fican esquecidos para sempre no máis fondo do padal.

Con estas sete cancións, hedonistas e desesperadas, románticas e sempre de volta, feitas para bailar e aparearse, para botar unha gargallada veciñal ou para homenaxear a felicidade dun tempo de abundancia e paparota, o disco Noites de agosto con Ataque Escampe é, en definitiva, un palco desde o que entoar a coro a íntima melodía da resistencia, a promesa ambigua dunha estrela fugaz e derradeira.