Ataque Escampe – O disco vermello (2014)

discovermello

CD

PREZO: 10 €

Editado o 22 de maio de 2014
O disco vermello é unha produción de Ataque Escampe / O longo adeus para Discos da Máquina.

Foi gravado, mesturado e masterizado por Arturo Vaquero nos estudios Abrigueiro (Friol) entre marzo e maio de 2014

Todos os temas foron compostos por Ataque Escampe

Ataque Escampe son:

Miguel Mosqueira: guitarras e palmas
Samuel Solleiro: guitarras, banxo, harmónica e saz
Lois G. Carlín: baixo, teclados, saxo, programacións e coros
Roi Vidal: voz, melódica, pandeireta e coros
Álex Charlón: voz e coros
con
Álvaro Trillo: batería

E tamén: Ran Xing Zhang (voz en “Horas extra”), Wallis Chan (voz final en “Horas extra”) e Alba Álvarez (chelo en “Salvarei o mundo” e “San Marino”)

O deseño gráfico é de Misha Bies Golas

 

O disco vermello son moitas historias de supervivencia e é tamén unha única historia de supervivencia.

Son motoristas parapléxicos, obreiras que toman o sol, heavies de barrio e actrices de vida longa. É un reloxo biolóxico, un videoxogo de pelexas, unha aventura caníbal, un xogo sen fronteiras, un restaurante chinés. É o planeta Hercólubus, que se aproxima e se aproxima e se aproxima.

É unha persoa que ten que emigrar para non volver e é outra persoa que fica soa na Terra ardendo. É a perda: o que perdemos, o que poderiamos perder, o que non perderemos nunca. O que temos que procurar non perder para non converternos en cousas nas que non queremos converternos.

É a contradición entre a evasión e o compromiso, entre a honestidade e o simulacro, entre o sorriso e o falso sorriso. É o pop e o dub e o rap de mentira e o soul de Filadelfia. Son todas as cousas, estas e tamén as outras. E o sangue, tamén é o sangue.

O disco vermello son as historias dunhas poucas persoas que son a historia de todas e por iso é vermello.